lunes, 8 de octubre de 2012

A AUGA EN GALICIA


A AUGA NA GALIZA




     A importancia da auga para os galegos procede de tempos moi remotos e ten un culto que se pode cualificar de  tradicional e xeral, sen dúbida polas súas condicións creadoras e fecundantes. Para os nosos aldeáns as augas son salutíferas, beneficiosas, prolíficas e ata sandadoras. 

     Xa no século IV da nosa era o campesiño galego facía as súas ofrendas de pan e viño ás fontes.


     O respecto que as augas perennes inspiran ás xentes do país é un resto do antigo culto que as cría poboadas de seres sobrenaturais ou espíritos, entre os que figuran as virxes, as doncelas, as damas e as lavandeiras. Estas, segundo un vello romance galego, gozaban do privilexio de que cando o día de San Xoán collesen no pico unha pinga de auga e a deixasen caer sobre una moza que se bañase antes de saí-lo sol, sería feliz. 
 
     A auga está moi presente nas cantigas populares, nos romances, nas tradicións e lendas vencelladas a moitas delas.
 
     A auga percíbese de distinta maneira: pode ser a auga de arriba, a de abaixo e a auga bendita.


AUGA DE ARRIBA
     É a auga da chuvia procedente das nubes que cargan o líquido nos ríos. Teñen poder sobre esta auga os nuboeiros e os tronantes ou patróns dos tronos. Os nuboeiros descríbense como trasnos ou espíritos malignos que habitan os aires e ós que a mitoloxía galega lles atribúe o poder de xerar tempestades e dirixir raios.
 
     Uns e outros deixan caer chuvias ou desencadean tormentas cando, onde e como queiran. Os galegos poden adiviñar se vai chover ou escampar. A chuvia é boa ou mala segundo o momento e a época do ano.


     Organizábanse rogativas para pedirlle a un santo que chova ou deixe de chover. As tormentas páranse tocando as campás da parroquia e sacando santos protectores ás ventás das casas. Prende-la vela da Candeloria nas ventás e queimar follas de loureiro benditas do domingo de Ramos tamén protexe das tormentas; o loureiro crece no perímetro da horta como árbore protectora.
 
     Se a tormenta se forma ó outro lado do río non hai nada que temer, pois a serpe está nel gardando os límites, que nin as tormentas nin as ánimas poden atravesar. Para librarse do trono debían esconxuralo un ou tres sacerdotes; durante o rito, os nuboeiros debían ir a montes ermos.


AUGA DE ABAIXO
     Acreditan un antigo culto ás augas divindades acuáticas como Edovius, Reva, Bormánico ou Conventina.
 
     A auga da fonte da aldea reunía as mulleres, que ían buscala e se daban as noticias que circulaban na comunidade. Nos pozos ou estanques bebe o gando, coa auga réganse as leiras próximas á aldea por quendas establecidas desde antigo. 
 
     Nas augas do río as mulleres lavaban a roupa e desfacíanse da sucidade, pero non podían regar con elas as leiras do espacio interior da aldea.


AUGA BENDITA
     A auga para bendicir cóllese das fontes , pero despois de bendita pertence a categoría distinta á de arriba ou á de abaixo. 
 
     Levábase á casa unha botella de auga bendita despois dos oficios de sábado santo, que incluía o rito da bendición da auga na igrexa parroquial. Tíñase moita fe na auga bendita e utilizábase durante o ano para bendicir e purifica-la casa e as cortes, as persoas e os animais; para as rogativas e despois da morte dun animal ou dunha persoa. 
 
     Antes de facer entrar na corte un animal comprado tamén se esparexía con auga bendita. Incluso algunhas persoas levaban consigo auga bendita para protexerse do demo ou dos malos espíritos





SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901