domingo, 7 de octubre de 2012

A PENA DOS NAMORADOS - LENDA


A PENA DOS NAMORADOS
OU
O PENEDO DA PENA 
LENDA





FOTOS: XOAN ARCO DA VELLA


     Aseguran os máis vellos que noutro tempo vivía no castelo do Sobroso Don Álvaro de Sarmiento, pai dunha fermosa rapaza en idade de namorar. Aldina, que así se chamaba, entregáralle o seu corazón a Tristán, un labrego da zona ou señor da fortaleza da Picaraña, segun quen nolo conte. En calquera caso, amores frurtivos e prohibidos por don Álvaro. Seica os amantes facían por se ver nos solpores nun lugar afastado de miradas indiscretas: A Pena dos Namorados.


     Mais estas citas clandestinas chegaron a ouvidos de don Álvaro, que decide verificar o ruseruxe. Disfrazado de mendigo vai seguindo as pegadas de Aldina até chegar ao lugar e comprobar cos seus propios ollos o que acontecía. Cheo de carraxe agarda agochado a que a súa filla marche e encárase co amante.  Don Álvaro non atende a razóns e comenzan a pelexar até a súa espada atravesa o corazón namorado de Tristán. Despois arromba o seu corpo contra das silveiras e marcha.

     
     Aldina, descoñecedora do suceso, segue a acudir á súa cita diaria na Pena dos Namorados. Por tres noites agarda a chegada de Tristán sen resultado. Entre bágoas, na terceira noite escoita as badaladas do mosteiro de Canedo e a figura fantasmal de Tristán aparece no lugar para lle explicar que o seu corpo foi achado por un veciño, que foi o seu pai, Don Álvaro, quen lle deu morte e que as campás anuncian o seu enterro e que, en tres días máis, estarán xuntos para sempre.

     Ao albor, cando Aldina chega ao castelo, crúzase co seu pai sen mediar palabra e péchase na torre da Homenaxe. Será a última vez que Don Álvaro a vexa con vida pois, entre saloucos, a vida váiselle escapando e morre ao terceiro día.

     Seica desde entón, á Pena dos Namorados acuden mozos e mozas de toda bisbarra a preguntar polo seu futuro amoroso seguindo o rito das tres pedras. Disque colocados de costas á pena e logo de recoller tres pedriñas do chan, deben tiralas por enriba do ombreiro. Se as tres pedras ficaren no alto da pena significa que casaremos no prazo dun ano. E hai quen engade que se só ficaren dúas pedras ese prazo se vai alongar até os dous anos; se só ficar unha pedra, a voda tardará aínda máis tempo; es se non ficar ningunha, o noso namoramento non terá futuro.

MAPA
 
XOAN ARCO DA VELLA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901