sábado, 6 de octubre de 2012

A VOLTA DO SERVIZO - CONTO


A VOLTA DO SERVIZO
CONTO


     

     Estaba na estrada agardando a que chegara meu irmán do servizo, pois dixeran que viña aquel día.


    Dixéronnolo, porque el, nos tres anos que alá estivo, só escribiu unha vez, pedindo cartos, e como non llos mandamos non volveu escribir máis. Pois, eu vino vir e entroume unha alegría tan grande polo corpo que entrei nunha taberna que alí había e díxenlle ao taberneiro:


     -Bótalle aí un cuartillo de viño, que me parece que vén por aí meu irmán, cumprido.

     Bebín o cuartillo e volvínme asomar á porta. Mirei para o camiño e, efectivamente, parecíame meu irmán, e entroume unha alegría tan grande que volvín entrar na taberna e díxenlle ao taberneiro:

     -Bote aí dous cuartillos, que cada vez estou máis contento, agora case que estou certo que meu de que é meu irmán o que vén aí.

     Bebín os dous cuartillos e cando acabei volvinme asomar á porta outra vez e entonces xa coñecín a meu irmán, e volvín entrar na taberna e díxenlle ao taberneiro:

     -Bote aí catro cuartillos, é meu irmán que vén aí.....¡Estou máis contento! e chegou meu irmán, démonos un abrazo, pedín unha cuartilla de viño e puxémonos a falar da nosa xente:

     -E logo, ¿hai novidade na casa? -preguntoume.

     -Non hai ningunha -respondinlle- Ben che importa a ti iso....Botaches alá tres anos e só escribiches unha vez.

     -E ben arrepentido que estou. Gastei un real na carta porque pensei que me iades mandar cartos, que senón nin esa vez vos houbera escrito....Pero conta, conta:



    ¿que novidades hai na casa?

     -Xa cho dixen, ¡ningunha!

     -Dime entón que tal están os da casa.

     -¿Todos che están ben! As tres irmás, cada unha tivo un fillo de achego, a máis pequena do cura. Boeno, temos tres sobriños máis listos e máis gordos...

     -¿E a nai?

     -¡Tamén está ben! Xa case hai un ano que non se levanta da cama, porque se derreou dun golpe que levou ao caer pola escaleira abaixo, pero cómeche que non se lle da apañado.

     -¿E o pai?

     -¡Non che ten duda! Está medio tolleito e perdeu un ollo....Boeno, perder non perdeu, pero pouco lle faltou.

     -E logo, ¿como foi iso?

     -Verás: subiuse á cerdeira que hai detrás da casa coller cereixas para o neto que é fillo do crego, porque lle quere máis ca aos outros porque o cura lle dá tabaco, e caeu dela embaixo encima da parededo horto. ¡E menos mal que caeu alí que se chega a caer no medio do horto non deixa unha verza! O caso é que rompeu os cadrís e quedoulle un ollo enganchado unha galla do cereixal pero, como xa che dixen antes, o ollo non o perdeu: tróuxoo para a casa e pousouno encima da maseira e foi a gata raxada e comeullo, e agora resulta que a gata ten tres ollos e o pai ten un namais. como ti ves, cousa de importancia non hai ningunha que che contar.


XOAN ARCO DA VELLA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901