sábado, 6 de octubre de 2012

CON QUE SE ENFRÍA O CALDO

CON QUE SE ENFRÍA O CALDO
CONTO


     

     Era unha viúva moi pobriña e tiña un fato de fillos pequechos. Un día, o máis grandiño, que apenas xa era coma unha frangulla, foi e díxolle:

     -Mi madre, eu xa logo son un home e podía botarme polo mundo. ¿Déixame ir servir?

     -¡Ai, meu filliño! -díxolle ela-. Eu deixar, deixo, abofé, mais o servir éche moi traballoso, meu filliño. Non coides que as casas de servir son bens de herdar: vaite cando queiras, mais inda has botar de menos a túa casiña, pois con toda pobreza vale moito máis a casa de cada un que a casa máis rica cando é allea, mais que che pese, pois a túa éche sempre boa, o que non che é a allea, onde ao criado novo danlle pan e ovo, e ao criado vello danlle o pan do demo.

     Foise o rapaz cavilando no que a súa nai lle dixera e, como era moi espelido, sempre que chegaba a unha casa preguntaba:

     -E logo, ¿seica que queren un criado?

     Se lle dicían que non, seguía camiño adiante e, cando unha vez lle dixeron que si, preguntou de contado

     -¿E como enfrían o caldo nesta casa?

     Mirouno con estrañeza a dona e respondeulle:

     -¿E con que ha de enfriar? Con auga, neniño, con auga.

     O rapaz daquela tocou a andar e outro día, ao preguntar noutra casa, respondéronlle:

     -Soprando, meu neno, soprando.

     Tampouco lle conviu e seguio para adiante e, ao cabo, aconteceu despois de moito camiñar que chegou onde unha velliña e, aolle decir el:

     -¿E como enfrían o caldo nesta casa?

     Dixo ela:

     -Con pan, meu filliño, con pan.

     Daquela o rapaz cavilou que a casa era boa e quedouse nela e disque atinou tan ben e se deu tan bo xeito co sei saber que botou alí moitos anos, os vellos tomáronlle lei e seica  foi o seu herdeiro.

XOAN ARCO DA VELLA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901