sábado, 6 de octubre de 2012

CRUCEIRO DE HIO - CANGAS

CRUCEIRO DE HIO 
CANGAS
PONTEVEDRA




     O cruceiro do Hío é sen dúbida o máis importante e elaborado dos cruceiros galegos. Está situado na praza que se abre fronte á igrexa de Santo André, románica do século XII, na parroquia do Hío, concello de Cangas.


     Os especialistas atribúeno á man de Xosé Cerviño García, tamén chamado Pepe da Pena, pero cómpre indicar que outros negan esta autoría e consideran como autor a Ignacio Cerviño Quinteiro, outro canteiro e escultor da mesma época que aquel. Foi tallado en 1872, cando aínda o artista non cumprira os 30 anos, nunha soa peza de granito, salvo algunha figura exenta.


     A escultura consiste nunha representación dramatizada dos momentos máis significativos do home, desde a creación ata a redención, co habitual simbolismo iconográfico do estilo barroco. A identificación e papel das figuras esculpidas tamén é obxecto de diferentes interpretacións segundo a fonte que se consulte.



     A escea principal reflicte o descendemento ou desencravo de Cristo. A figura central, naturalmente, é Xesús, xa morto, ó que baixan da cruz suxeito cunha tea por baixo dos brazos. Dous homes encaramados nos brazos da cruz, Xosé de Arimatea (propietario do sepulcro onde se enterraría a Xesús) e Nicodemo (un fariseo próximo a Xesús), suxeitan o pano e descenden o corpo de Cristo ás mans de San Xoán que, no pé da cruz, cólleo polas pernas. A San Xoán acompáñano a Virxe e de María Magdalena, aínda que hai quen di que son as tres Marías. Dous anxelotes completan o grupo.




     O Calvario está sobre unha ménsula, cuxa cara superior imita a forma dun monte, apoiada sobre catro anxos, a modo de atlantes.



     No fuste, de sección circular, podemos diferenciar tres esceas. A superior son dous arcanxos: un pisando a cabeza dunha cobra e outro que parece acoller un meniño ou protexer unha alma. Baixo eles, a Virxe pisando un dragón ou unha cobra, símbolos clásicos do demo, representando a salvación; a cobra protéxese cunha media lúa. E finalmente, baixo a Virxe, as figuras de Adán e Eva expulsados do paraíso, nus e tapándose, avergonzados polo seu pecado.




     Nunha inscrición case ilexible tallada no fuste consta a data da súa construción.


 
     Na basa do cruceiro, como nunha capeliña, ábrense catro fornelas. Na primeira están representadas as ánimas do purgatorio, ou almiñas, pedindo a intercesión da Virxe (hai que di que posiblemente a Virxe do Carme); unha destas almiñas que pide axuda para saír do purgatorio está tocada cunha mitra de bispo. 



     Na segunda, Cristo resucitado no limbo dos xustos (outros queren ver a Cristo sacando almas do inferno ou, tamén, a Virxe con Xesús). E finalmente, en cadanseu fornelo, Adán e Eva no paraíso. Estes últimos están ó pé dunha maceira, co demo tentanto a Eva de novo en forma de cobra gabeando polo tronco, e aparecen coa metade inferior cuberta polo que semellan lapas, en alusión ás consecuencias do pecado orixinal; outra posible interpretación é que as imaxes recollen o momento de comete-lo pecado orixinal e o que lles cubre é vexetación, nun intento inxenuo de oculta-los órganos sexuais da vista dos fieis.


     O cruceiro está levantado sobre unha escalinata de tres andares, de forma octogonal cos ángulos redondeados, no que asenta unha mesa que sostén no seu centro o fuste. Todo o conxunto está rodeado por unha reixa metálica que tenta protexelo dos visitantes. Entre a igrexa e o cruceiro érguese unha columna cun anxo que sinala cara a cruz.




MAPA
 
 

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901