sábado, 6 de octubre de 2012

É NA PORTA DO LADO


É NA PORTA DO LADO 
CONTO


     

     Era unha muller moi gorda e respectadiña porque nin ía ás leiras para que non a tomase o sol nin facía nada cousa en ningures. Andaba polas casas dos veciños, sempre a se queixar do seu mal:


     -¡Ai, miña filla, estouche perdidiña! ¡Non podo máis! ¡Este meu mal acaba conmigo! ¡Sempre sufrindo, sempre penando, mellor quixera morrer!

     ¡Mais non morría, non, que cada vez agarrábase máis á vida! O que ela quería era non traballar e pasalo ben. Xa non era nova e, como tiña boa pibela, as veciñas gustaban da súa leria e facían canto podían para que non lle faltara nada.

     Cando estaba sentada nun tallo á porta da casa, cantos pasaban non deixaban de lle preguntar:

     -¿E logo, tía Antona, como é que vai hoxe?

     -Mal, meu filliño, mal. ¡Vale máis morrer! ¿Que fai unha coma min soíña no mundo? Pasar necesidade. Iso que eu teño a sorte grazas ás veciñas -Deus as garde- de que non me falla ningunha cousa. ¡Ai, canto estimaba de morrer! Eu pídollo ao Señor mais non me quere aír para meu castigo. ¡Canto maliño paso! ¡Canto! ¡Ai, se me oíse Deus e me quixese levar....!

     E aconteceu que uns mozos burleantes, unha noite, acederon fachuzos de pallas e puxéronse a brincar en rolda diante da porta da vella, e un deles petou na porta. A vella acordou con barullo, ergueuse e antes de abrir mirou polo ferrollo da porta, viu o lume dos fachuzos e preguntou:

     -¿Quen é?

     -A morte -respondéronlle-. ¿Non é nesta casa onde vive tía Antona que sei que chama por min a cada día?

     E contestou a vella con falas arrepiadas:

     -Non é aquí, miña filla, non é aquí. ¡Vaia máis adiante, que é na porta do lado!

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901