sábado, 6 de octubre de 2012

EU POR NON TER DIÑEIRO.... - CONTO



E EU POR NON TER DIÑEIRO.....
CONTO
    
     Era unha tecelá moi boa moza que vivía nun rueiro na raia de dúas parroquias e un día veu o padre cura da súa aldea e díxolle que era moi guapa e porque non ía confesarse con el. Deulle un pouco de leria e marchou.

     Outro día veu o cura da outra parroquia e tamén lle deu leria, dicindo que había de volver.

     A tecelá, cando chegou o home do traballo, contoulle o conto. El, ao primeiro, encarraxouse pero rematou por rir. Díxolle que se podían facer ricos e conviñeron que a muller convidara aos dous cregos para a tardiña dun mesmo día, deixando un pouquiño de tempo entre a chegada de un e mais a do outro.

     Ao vir o día, xa por a tardiña, o crego da parroquia, temendo algunha mala xogada, díxolle ao sancristán:

     -¡Oes, vaite ver se está o home da tecelá na casa, hom, que teño que falar con el!

     O sancristán foi e maliciando algo, propúxolle á tecelá se el tamén podía pasar pola súa casa e ela púxolle hora, un pouquecho máis tarde para lle dar tempo a saír ao abade.

     Decontado picou na súa porta o crego da parroquia.

     Cando o señor abade se poñía na mesa que había de par na cociña, petaron á porta e a muller, acenando cun dedo diante da boca para que non armase barullo, levouno ao forno , abriulle a porta, e o outro como puido meteuse dentro.

     Daquela entrou o outro crego.

     -¿E ti que facías, muller, que non me mandaches entrar de contado?

     -Estába cun laboriño, señor.

     E cando falaban chamaron de novo.

     -¿Que faremos? -dixo o señor abade gañado do medo.

     -¡Veña aquí axiña! -fixo a tecelá.

     E agachouno dentro da artesa.

     O sancristán meteuse para dentro coma un raposo na capoeira e, cando o home estaba todo fachendoso, sentiu vir pola eira, botando unha cantiga, ao home da tecelá, e xa non tivo modo de fuxir e daquela, como can vello que era naqueles asuntos, agachouse o mellor que puido cabo do tear.

     -Canta fame traio, rapaza -dixo o home ao entrar.

     E coa mesma foi levantar a tapa da artesa.

     -¡Éche bo o pan que me gardas, así Deus me salve!

     E dirixíndose ao señor abade engandiu:

     -¿E vostede que é o que fai aí, señor? ¡Saia para fóra que vai afogar!

     O crego, tremendo coma un vimbio, botouse fóra da artesa chéiño de medo.

     -¡Eu que procuraba pan -dixo o home .e atopou un abade! Mirarei logo no forno, que aínda haberá da fornada.

     A muller desaparecera pechando por fóra a porta da cociña e o tecelán abriu o forno. O crego da parroquia, que non podia máis, brincou fóra como puido.

     -¡Uf! -facía-. ¡Eu ahogo!

     E botaba espuma pola boca e suaba a fío.

     -¡Isto ponse bo! -falou o tecelán.

     E sacou ao sancristán da súa agachada, dicíndolle:

     -¡Tamén ti, hom!

     Falaron, e os outros viñerónse ás boas, chegando a un trato, e saíu o sancristán e volveu logo con dúas bolsas de onzas, unha de cadanseu cura. Deullas e non querían contalas porque dicían que non había luz e, daquela, o home fixo ir ao mesmo sancristán á misa pillar unha vela e, como el non tiña saquetos de onzas para dar, fíxolle servir de candeeiro.

     Cando chegou o día da festa do patrón da parroquia, había moita familia para a misa. A función era moi soada, non collendo máis xente na igrexa, e viñera para axudar a catar a misa o señor abade da parroquia veciña o que, cando viu diante de todos os fregueses á boa moza da tecelá tan ben posta que daba xenio vela, cantoulle ao compañeiro:

     -¡Mira a moza, que guapiña!

     e o outro crego respondéulle:

     -¡Á túa conta e mais á miña!

     E daquela o sancristán, engadiu facéndolles o son:

     -¡E a min, por non ter diñeiro.

     puxéronme o cu de candeeiro!


XOAN ARCO DA VELLA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901