lunes, 8 de octubre de 2012

MORTE E DIFUNTOS - CRENZAS


MORTE E DIDUNTOS 
CRENZAS



     Din que son sinais de morte o canto do moucho, os ruídos extranos, as luciñas que se ven pola noite, conversacións que  se ouven sen ver a naide, o canto da curuxa, o canto do corvo, as pitas que cantan como o galo, os cas que oubean como os lobos, ruídos de cadeas arrastradas, portas e xanelas que se pechan ou abren soas e de golpe, medos que se meten nos corpos, forzas extranas que nos suxeitan por detrás... 


     Din tamén que cando vai morrer unha persoa as velas dun enterro que se celebre na parroquia non alumean como sempre e rematan por se apagar.  Cando a vela que se apaga é a da esquerda din que o próximo en morrer será home e se a vela é a da direita muller.


      Din que cando coinciden as campás de dúas parroquias en dar as doce campanadas é sinal de morte na parroquia á que pertenza a campá que tarde máis en dar a última badalada. Hai a crenza de que aos velatorios non se pode levar nenos pequenos, nen deben ir tampouco as mulleres preñadas para que non lles entren os aires de morto. 




     Pénsase que o morto despide aires malos que se meten nos corpos dos vivos e por iso, xunto ao cadáver, non se deben levar meniños para que non lle entre os citados aires. Ao empanar ao morto tapónanlle tódolos orificios para que non boten aires malos cara os vivos.



     Cando morre un membro dunha familia aféianlle a barba e gárdanlla para facer maleficios relacionados coa esterilidade e co demo, dado que este vai asociado aos cemiterios, aos areais, ás praias, aos desertos e aos montes pelados.Á hora da morte dunha persoa laban o corpo do defunto pensando que así libérano dos pecados.


      Cando un cadáver está de corpo presente acoden de noite para velalo. Na casa do morto, homes e mulleres acompañan aos familiares e fan múltiples ritos. Nestas noites cométense todo tipo de pecados. Unha vez enterrado,os veciños acoden á casa do defunto para facer un xantar ritual, coméndolle todo o que teñan. Nas comitivas fúnebres, os prantos son practicados por plañideiras.




      A categoría social e económica do defunto determina o número de cregos e plañideiras que acoden ao enterro. Nos mortuorios e nos días de defuntos comían, bebían e puñan dentroda igrexa, por riba dos altares, pratos e xarras. 
 


     Nas nosas aldeas hai a crenza de que todas as noites unha procesión de ánimas en pena, con luces acesas nas súas mans, vestidas de branco e en dúas filas saen do templo parroquial e van até outra parroquia, templo ou atéunha capela ou ermita para despois regresaren. Unhas veces van sen facer ruído e outras tocando campanillas, cantando salmos, responsos e oracións. 


     Quen tope con esta procesión de ánimas en pena ten que facer un círculo no chan e meterse dentro, ou botar man dunha rama de olivo bendita o día de ramos. Do contrario quedará obrigado a levantarse da cama todas as noites e levar a cruz na procesión até que morra.
 

 

     Din que os defuntos despois de mortos pódense aparecer aos vivos para lles pedir axuda. Aparécense en forma de bolboretas, de abellas ou de pombas. Hai a crenza de que na Noite Boa veñen as almas dos que morreron na casa e por iso, deixan sen recoller a mesa, para que as ánimas dos mortos coman e descansen.


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901