sábado, 6 de octubre de 2012

NON É CUCO QUE É CUCA


NON É CUCO QUE É CUCA 
CONTO


     
     Era un matrimonio moi cargado de fillos e, como non tiña con que os manter, en canto servían para algo bótabaos polo mundo buscar a vida.

     O último que botaron era máis listo ca un allo porrateiro.

     Foi andando ata que encontrou un home negro coma un  carbón, que lle preguntou para onde ía.

     -Vou buscar un amo para sevir.

     -Pois podes vir conmigo, que eu preciso de un criado.

     -Pois vamos.

     Chegaron á casa o criado e o amo, que era o demo, e axustáronse desta maneira: o criado había servir naquela casa ata que cantare o cuco, non se había enfadar por nada, e o amo tampouco. Ao primeiro que se enfadase, podíalle quitar o outro unha correa dende a cabeza deica os pés.

     Para o outro día, díxolle o demo o criado:

     -Vai ao monte e tráeme un carro de leña da máis torcida que atopes.

     Foi é xunguiu as vacas, apuxo o carro e marchou á viña do amo e cortou as cepas que lle fixeron falta para cargar o carro e levouno para a casa. Viuno vir dema e díxolle ao home:

     -Xa vén o criado co carro da leña.

     -¡Que vai vir!

     -¡Vén, vén! E trae unha leña que é retorcida de todo.
     Cando o criado chegou co carro, preguntoulle o demo:

     -¿E logo, de onde traes a leña?

     -Corteina nunha viña que hai por aí arriba.

     -¡Ti estás tolo! -preguntoulle o criado sacando a navalla.

     -Non é que me enfade pero..... ¡Derramáchesme a viña!

     Despois, falando o demo coa muller dixolle:

     -Hasme traer hoxe un carro de leña da máis dereita que atopes.

     -Está ben, meu amo. Agora mesmo o vou buscar.

     Preparou o carro e foi e marchou a un piñeiral que tiña o amo e cargou o carro dos pinos máis direitiños que atopou. E, cando ía cara á casa, díxolle a muller ao demo.

     -Aí vén o criado co carro de leña..... E, ¡que dereitiña é!

     Chegou o criado co carro da leña e preguntoulle o demo:

     -¿E logo, onde cortaches esa leña?

     -Corteina nun piñeiral que hai mesmo ao lado da súa viña.

     -¿Ti que fixeches? Ese piñeiral é o meu.

     -¿Seica se enfada?

     -Non é que me enfade, pero.....¡derramáchesme o piñeiral!

     Aquela noite, cando se deitaron, dixolle o demo á súa muller:


     -Temos que ver a maneira de botarmos o criado fóra, senon arruinanos.


     -¿E como imos facer?

     ¡Pois, inda non veu o cuco!

     -Mañá levántaste cedo e sóbeste á figueira e cantas coma o cuco e, entón, dígolle que xa veu e botámolo fóra.

     Para o outro día á mañá, levantouse a dema ben cediño e subeuse á figueira e púxose a cantar coma o cuco, e foi o demo e chamou polo criado e díxolle:

     -Levántate e amaña a roupa para marchar, que xa está o cuco cantando.

     -¿E logo, onde canta?

 
     -Na figueira. ¡escoita!

     Vai o criado e colle a escopeta do amo, sae á ventá e, ¡pum!, deulle un tiro á dema e matouna. Foi alá correndo e, ao vela, díxolle ao amo:

     -¡Inda non marcho! ¡Este non é cuco que é cuca!

     -¡Desgraciado, matáchesme á muller! -berrou o demo.

     -¿Vostede enfádase, meu amo?

     -¡e logo, non me vou enfadar, matándome á muller?
     -¡Pois, a ver a correa!

     Botou man da navalla e sacoulle ao demo unha correa do cerrizo, dende a cabeza deica os pés, así como para facer un temoeiro, e o demo morreu.

     E, como non tiña herdeiros, o criadochamou por alí á súa xente e quedáronse cos bens do demo e viviron alí moi contentos.


XOAN ARCO DA VELLA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901