lunes, 8 de octubre de 2012

NOSA SEÑORA DO CORPIÑO - LENDA

NOSA SEÑORA DO CORPIÑO
LENDA


      A tradición que quere explicar as orixes do santuario chegou ata nós con lixeiras variantes, relativas á data na que se produciu o acontecemento ou ó desenvolvemento dos geitos, pero todas elas coinciden no esencial do relato, que poderiamos resumir así:

     Hai moito, moito tempo, vivía nun lugar do Monte do Carrio un piadoso ermitán que empregaba o seu tempo na oración, a penitencia e o fomento da devoción á Nai de Deus entre as xentes do contorno, que a el acudían en busca de consolo e alivio para os seus males.

     O certo é que un día lle chegou a hora da morte ó noso ermitán, e os paisanos decidiron conservar o seu corpo —que se mantiña incorrupto— naquel mesmo lugar, que se iría convertendo pouco a pouco nun centro de peregrinación, coñecido dentro e fóra da comarca. Pero nesto chegou a mourería e os cristiáns, antes de abandonar as súas terras e as súas casas, decidiron agochar aquel corpo santo para evitar a súa profanación, e fixérono nunha especie de cova ou construcción en ruinas que había no lugar que hoxe ocupa o santuario.

     Moitos anos máis tarde, cando xa foran expulsados os invasores, repoboábanse lentamente as terras abandonadas, non se sabe se con novas xentes ou po-los seus antigos propietarios, pero o certo é que ninguén se lembra xa do santo corpiño, que tiña a capela derrubada e cuberta po-la maleza. En descubri-lo estará o miragre.

     Un bo día, candos dous pequenos pastores estaban vixiando o gando no monte que ocupa hoxe o santuario, desencadeouse unha gran tormenta, con tronos e lóstregos, e ocorréuselles refuxiarse no interior daquelas ruinas. Nun momento víronse envoltos nunha misteriosa claridade, e puideron distinguir no medio daquela luz cegadora a figura da Virxe, co Neno Xesús no brazo esquerdo e un ramallete de flores na man dereita.

    Os pequenos quedaron abraiados e contaron o sucedido ós pais, que acudiron na súa busca ó ver a tardanza en regresar á casa. Pero ninguén creu o seu relato, ata que as apariciós se repetiron en días sucesivos e toda a aldea puido comprobar que aquela claridade, en medio da que aparecía a Virxe, desprendíase dunha vella sepultura que asomaba entre a maleza, onde acabaron por descubrir o corpiño incorrupto do santo ermitán.

    Só faltaba construir naque lugar unha ermida e poñe-la baixo a advocación de Nosa Señora do Corpiño, e esto foi o que fixeron a toda présa os veciños de Losón, mentres a noticia do miragre se estendía por toda a comarca.

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901