lunes, 8 de octubre de 2012

O CIPRIANILLO - CRENZA

O CIPRIANILLO
CRENZA



 
     Segundo as crenzas galegas, O Ciprianillo ou o chamado tamén "salterio de San Cibrán", era un libro de maxia no que se atopaban as artes diabólicas e os rituais necesarios para a busca e achado dos tesouros que os "encantos" e os "mouros" tiñan gardados nos castros, furnas e mámoas. Tamén quen o posuía, tiña o poder de facer fuxir ó demo.
 
      Foi un libro de culto xeral en Galicia, desexado e buscado por moitos. Quizás o seu éxito era debido ó incalculable número de tesouros buscados nos monumentos prehistóricos, ou tamén pola abundancia de metais nativos e preciosos no noso chan.

     Por toda Galicia, en moitas das súas aldeas, existía a crenza popular , que había quen tiña escondido este tan famoso libro, e este feito deu lugar a moitísimas lendas e contos.

     O Ciprianillo tratábase dun arcano volume composto de rituais e receitas máxicas, envolto nun profundo misterio, tanto no que se refire á súa composición xeral, coma no que respecta á súa orixe, que é atribuída a San Cibrán, pero a realidade é que se perde na profundidade dos tempos. Dicíase que este laborioso traballo contiña tamén técnicas de exorcismo, e rituais contra os feitizos, o mal de ollo e o meigallo, segredos místicos sobre xenios bos e malos, etc.
 
      Na acepción vulgar galega, o encanto é un ente misterioso da mitoloxía popular que se converte en ser material e activo, malia as súas calidades sobrenaturais.


   Os encantos, coma tamén os mouros e outros seres místicos da nosa terra, son os que gardaban os haberes ou fabulosos tesouros que se pensaba, estaban agachados nas covas, nos conventos derrubados, nos castelos ruinosos, e en todos aqueles lugares abandonados. 

    Para usar con éxito o Ciprianillo había que busca-la "herba cabreira" e, ademais, era necesaria a presencia dun cura que, revestido de estola, soubese ler e "desler" no fantástico libro e que tamén tivese moito valor, porque cando saíse o encanto en forma de serpe, non debía suspende-la lectura nin fuxir, pois se facía unha ou outra cousa quedaría enfeitizado el e os seus acompañantes. 

    Esta cerimonia ou práctica supersticiosa había que realizala formando un círculo no chan e meténdose nel.

    Unha vez dentro todo o grupo, e lendo o cura sen deterse tódalas fórmulas e ensalmos do libro, o feitizo amosábase coas ocultas riquezas, deixábaas e desaparecía tan axiña se debuxase unha cruz dentro do mesmo círculo.
 
      Algúns dos nosos escritores deron por certa a existencia do Ciprianillo, entre eles Barreiro de Vázquez Varela no seu libro "Brujos y astrólogos de Galicia".


    Afirmaba Murguía que no contido deste libro de grande sona e nas fórmulas que nel se expoñían, eran visibles as pegadas das supersticións celtas.
 
      O Ciprianillo tamén era unha axuda para facer pactos con espíritos infernais sen sufrir dano ningún. Para iso, o que se dicía é que había que trazar no chan un círculo cunha rama de abeleira, despois de ter dito unha serie de frases en latín con moita devoción e levar un carneiro negro. Dese xeito, logo aparecerían moitos fantasmas porque o demo non quería que se descubrisen as súas riquezas ocultas. Pero o buscador de tesouros non debía fuxir senón todo o contrario.
 
      Tamén se dicía que nun capitulo deste libro, estaba explicada a forma de facer chover e afasta-las treboadas, seguindo para iso unha serie de rituais.
 
      O Ciprianillo sempre foi un libro moi difícil de conseguir, porque era celosamente gardado e fixo afastar demos e malos espíritos ó longo dos séculos nas lendas e crenzas galegas.

 
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901