sábado, 6 de octubre de 2012

O DEMO AXUDA AO CASEIRO


O DEMO AXUDA AO CASEIRO 
CONTO



     
     Había un señor moi rico que tiña un caseiro moi pobre. E un ano, foise o caseiro e díxolle ao seños se lle deixaba cavar un cacho de monte que o señor tiña. 


     Díxolle este que si., que cavara o que quixese, pero o caseiro preguntoulle en que condicións había ser eo señor contestoulle.

      -Pois... o que máis cave, máis queima.

      Marchouse o caseiro e todos os días cavaba canto podía pois, inda que o señor non aparecía unha boa roga e cavaba canto monte quedaba.

      Pero non foi así. O señor non apareceu por alí e o caseiro cavou todo o monte.

      Cando chegou o verán, volveu o caseiro onda o señor e díxolle que cavara todo o monte, que estaba xa para queimar e a ver como había ser.

      -Ben -contestou o señor-. Pois o que máis queime, máis semente.

     Marchouse outra vez o caseiro e queimou toda a cavada sen que o señor aparecera por alí para nada.

      Veu o mes de outono, pero o caseiro non se atreveu a sementar o monte sen antes estar co señor, conque foise xunto del e díxolle que xa era tempo de sementar, e qué había ser. O señor contestoulle coma sempre, que o que máis sementara máis segaría. Outra vez o caseiro correu canto puido e, como o amo non apareceu por alí, sementou todo o monte.

      Chegou o tempo da sega e, non atrevéndose a facela sen consultar co amo, volveu o caseiro xunto do señor e díxolle que o pan do monte estaba maduro, que xa se podia segar, e que a ver como había de ser.

      -¿E como ha ser? -contestou o señor-. Ben. Coma sempre, o que máis segue, máis leva.

      Marchouse o caseiro e, pensando que o señor non se apuraría, chamou a todos os veciños para que lle foran axudar e el foise moi contento, pensando que cando fora o amo xa el tería todo o monte segado. Pero non foi así, porque aquela mesma tarde foise o señor detras do caseiro chamando a todos os veciños.

      Chegou o día da sega e o caseiro madrugou canto puido e, sen esperar polos veciños, marchou para o monte a foi empezando a segar por un lado. Pero cando tiña tres ou catro regos segados, veu aparecer o señor, e con el todos os veciños que se poñian a segar polo outro lado do monte.

      Quedouse o home todo triste e, vendo o pouco que podía facer, marchouse triste para a casa. Pero polo camiño encontrou o demo que lle preguntou por que ía triste. Contoulle o caseiro o que lle pasaba e entón o demo díxolle que aquilo que o arranxaba el segándolle todo o trigo se lle daba o primeiro que nacese na casa. Púxose o caseiro a pensar, pois tiña a muller, unha cocha e unha gata para o mesmo tempo. Botou as súas contas e apreceulle que a primeira había ser a gata e aceptoulle ao demo o contrato.

      Foise o demo para o monte e empezou a segar, rego abaixo, rego arriba, rego abaixo e rego arriba, tan de présa que segaba máis o demo ca todos os veciños xuntos. Picáronse os veciños e dixeron que o mellor era irlle pegar unha patada no cu e botalo fóra da cavada. Saíu un rapaz e dixo que ía el. Botouse tras o demo e, cando se puido chegar a el, pegoulle unha patada con con canta forza puido. Pero tan forte lle deu que se enterrou a zoca e o pé no cu do demo, e este seguíu segando coma se nada fora e co bo do rapaz arrastro  pola restrebeira. Os veciños, que tal viron, agarraron tal medo que escaparon todos para as súas casa e non se atreveron a volver o monte. Cando lle pareceu, o demo fixo un pouco de forza e soltoulle o pé ao rapaz, pero xa lle saíu podre. Mal como puido, foise o rapaz para casa e os veciños, ao velo así, tal medo agarraron que ninguén se atreveu a volver polo monte máis o caseiro, que tranquilamente foi pouco a pouco levando todo o trigo para a casa.

      Os días foron pasando e os gatos non acababan de nacer así que o bon do caseiro xa non as tiña todas consigo.

      Por fin chegou o día, e o primeiro que lle naceu foi un pequeno. Andaba o home todo triste pensando que de un momento a outro chegaría o demo polo pequeno. A muller, así que o viu tan triste, preguntoulle se non lle gustaba o pequeno, e el entón contoulle o que lle pasara co demo. Ela díxolle que non se apurara por tan pouca cousa, que o fillo tamén era dela e que cando viñera o demo que o mandara pasar. Xa ela se entendería con el.

      E así foi. Logo chegou o demo por alí e encontrou ao home diante da porta. Ao velo díxolle:

      -¡Veño polo prometido!

      O home díxolle que pasase, que o tiña na cama e, cando o demo chegou alí, díxolle a muller:

      - Xa sei o que che prometeu o meu home, pero o pequeno tamén é meu. Antes de levalo, tes que poñer dereito este pelo.

      E arrincando un de debaixo do brazo deullo ao demo. Este púxoo sobre dunha man e coa outra empezou  a darlle voltas, pero cantas máis lle daba máis se enroscaba o pelo, ata que, cansado de tanto darlle a véndose burlado, pegou un estalo e saiú por unha lumeira deixando un olor a xofre que durou máis dun mes.


XOAN ARCO DA VELLA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901