lunes, 8 de octubre de 2012

O FERREIRO DE CASTRELOS - CONTO

O FERREIRO DE CASTRELOS 
CONTO 
VIGO





    
     Había en Castrelos un ferreiro que deixara decorrer os días da súa mocidade sen decatarse de que había mulleres no mundo, e chegando a vello deulle por se namorar totalmente dunha rapaza nova moi cobizada por tódo-los mozos da freigresía. O ferreiro era rico e logrou facerse dono da mellor xoia de Castrelos; mais os mozos, xuramentados, lograron acedarlle a vida.

    O vello namorado cravou as fiestras da casa, pechou a muller dentro e nin con eso logrou durmir un sono acougado, porque nas noites de ruada os mozos enchían o vento de cantigas de  maldicir e o sangue do vello virábase solimán.


    A muller do ferreiro era moi devota e á forza de bágoas logrou licencia para ir á misa tódolos días. A casa estaba a carón do adro, e a porta sur da igrexa daba dereitiño á porta da ferrería, de xeito que o ferreiro podía traballar ollando á súa muller na misa. 


     Con todo e nin con eso a coitada tiña paz na casa de Deus, pois os ollos do seu dono feríana de lonxe con dúbidas noxentas. 

    Unha mañanciña chegou pola porta da ferrería unha vella lurpia, tida por meiga en todo Castrelos e nos seus arredores, e solermiñamente deitou nos oídos do ferreiro estas verbas ponzoñentas: 


    - Por moitas voltas que lles deas, ti morrerás axiña e a túa muller casará... casará cun rapaz que sei eu... 


    Naquel intre a pobre casada, de xeonllos na igrexa, pedíalle paciencia a Santa María. 


     O vello ferreiro fitouna e sentiu que se lle subía á cabeza un ramo de sangue.

     Endoudecido polos ciumes coleu un ferro e meteuno no lume... Os folgos da ferrería traballaron de firme e o ferro púxose de contado dun roxo írtido, luminoso... Entón o ferreiro colleu o ferro candente e encamiñouse á igrexa, disposto a desfacer, diante de Deus mesmo, a fermosura da súa muller. 

    E Deus, o bo Creador de todo, non quixo que o ferreiro desfixese unha das súas mellores obras, e cando o ferreiro, cego de ciumes, ía entrar na igrexa, tapouse a porta supetamente cunha parede de pedra.


    O milagre foi sonado naquel tempo e aína hoxe a porta sur da igrexa de Castrelos aparece tapada.



MAPA
 

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

    Versión recollida da revista Nós (Num 73):
  Castelao: Dúas lendas
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901