sábado, 6 de octubre de 2012

O GAITEIRO MORTO - CONTO


O GAITEIRO MORTO 
CONTO


   

      Era un gaiteiro moi bolreante, que sempre tiña ganas de xoldra e disque non había festa onde el estivera que non se encheran todos a bailar, nin casa onde o levaran que non riran todos ás cachizas, pois arrepenicando non punteiro non había outro, contando nos contos tampouco ninguén tiña o seu aquel nin o facía coa sorna que el sabía, e moceiro, ¡ui! como moceiro, daquela si que era o único. Para moceiro, amigo do bo viño e do bo xantar, non houbo na vida fillo de nai coma el.


     O gaiteiro estaba casado. Tiña unha muller que eran moitos os días que quedaba ela soa na casa mais, cando el chegaba, todo eran festas. Non tiñan moito que comer mais eran moi divertidos, tanto que el sempre andaba coa gaita ao lombo. Non traballaba nada, mais na casa sempre quen quixera podía oír gaita.

     -Non hai mellor compaña -dicía el-. Cando morra heina levar de par.

     Un día o gaiteiro morreu e a coitada da muller esquenceuse de lle decir ao carpinteiro que fixo a caixa que deixara un sitiño para a gaita, e así foi que non collía. A muller choraba moito por non poder cumprir o gusto do seu home de levar a súa gaita con el e, de vela chorar tanto, un veciño foi e, como puido, púxolle a gaita entre as pernas ao gaiteiro. A muller quíxose conformar e non chorou máis. Pecharon a caixa e sacaron ao defunto para o levar ao camposanto.

     Na casa había moita familia, moitos homes e moitas mulleres. A muller do gaiteiro emprencipiou o pranto e as veciñas axudábana. As mulleres mozas eran as que máis choraban.

     A muller do gaiteiro, na porta da casa berraba:

     -¡Ai! Meu defuntiño querido, que soíña me deixas e ¿que vai se agora de min sen un home na casa? ¡Ai, meu homiño! ¡Ai que moura desgraza, pobriña de min! ¡Ai! ¡Ai! ¡Ai! Tan boiño que ti eras que non atoparei outro coma ti! ¡Ai! ¡Ai! ¿E que vou facer eu agora, soiña, sen ti, meu sol? ¿Quen me vai facer as festas que ti me facías? ¿quen me vai quentar as canelas no inverno? ¡ai, que desgraza a miña! ¡Mais me valera morrer e que nos levaran aos dous xuntiños! ¡Ai, meu homiño da alma, ¿que vai ser de min? ¡Tan ben como o pasabamos co que levas entre as pernas.......!

XOAN ARCO DA VELLA
SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901