lunes, 8 de octubre de 2012

O LOBISHOME DE CERVANTES

O LOBISHOME
DE
CERVANTES


     Moraba —¡ha¡ xa ben tempo!— nunha aldea das montañas de Cervantes un home xoto de carácter, que se enrabechaba por calquera cousa e estocaba que poñía medo.

     Este home tiña un fillo que era xa un mozallón, bo rapaz, amigo das nenas e das romaxes e festas, aínda que non lle viraba as costas ó traballo. Dicía el que "cada cousa a seu tempo", e de acordo con tal dito, así facía.

     Mais o pai quería te-lo decote turrando do legón e non lle pracía que o mozo se divertira, porque as xoldas gastaban as forzas que comprían para o traballo. 

     Un día rifaron pai e fillo por mor de que o rapaz quería ir á festa de Pedrafita e o pai teimaba en que fose facer unha queimada.

     — Nun día de festa non se traballa, que é pecado —dicía o mozo—; e a queimada se non se fa¡ un día faise outro; mais, a festa, pasado o seu día pasou a romaría, e a festa perdeuse.

     — O que non se fa¡ é ir de gamberna cando ha¡ un labor que atender.

     Ningún dos dous quería caudecer. Ó cabo o pai alporizouse e berrou:

     — ¡Pois vaite á festa, e como vas atrás das mozas, así permita Deus que andes atrás das lobas!

     ¡Nunca tal dixera!

     Unha noite o rapaz acordou na cama; sentíase desacougado, non tiña parada, e rematou pondo os calzóns e saíndo á eira. Unha forza estraña empurrábao cara ó monte e botouse a camiñar pola encosta arriba. 

     Chegou a un lameiro e envorcallouse na herba humedecida polo orballo da noite. 

     ¿Por que facía aquelo? Non o sabía. Mais, aconteceu que cando tentou de se erguer, non puido; estaba a catro pés, e a catro pés botou a correr cara ó cumeiro do monte, ouveando coma un lobo, e atrás das lobas andou coma can adoecido.

     Na aldea falouse moito da desaparición do mozo.

     Falouse tamén dun lobo arnal que xa tiña esgolado moitos años e deixara mortos algúns carneiros.

     O pai do rapaz desaparecido comezou a cismar no caso; lembrouse da súa maldición e estarreceuse, ¿E serái aquel lobo o seu fillo?

     Entón foi¡ ver unha velliña moi vella que disque era meiga e contoulle a cousa.

     —¡A¡, home a maldición do pai é o máis malo que poida haber para un fillo! —díxolle a vella—. Un pai non debe maldicir o seu mesmo sangue. Mais, se el é, haiche un remedio para voltalo á vida dos humanos. 

     Non é cousa doada, pois pódeselle causar a morte, ou el mesmo pódete matarte, porque como fera que é perdeu todo o sentido dos homes.

     —¿E que hei facer, daquela?

     — Va¡ se podes facerlle sangue; mais que non sexa cousa de morte, nin sequera de aleixamento ou mancadura; porque se lle fixeres moito mal, ese mal quedaríalle ó recobrar o seu ser.

     Saíu caviloso o vello de casa da meiga, e moito cavilou de volta para a súa casa en como había facer. 

     Mais, aínda que se vira en perigo de morte, mellor quería morrer que saber o seu fillo perdido daquela maneira.

     Á noite seguinte decidiu ir en procura do lobo. Non quixo levar a carabina porque era de moito perigo. 

     Armouse nada máis dun coitelo; mais portou consigo un rexelo, e atouno ó pé dunha toxeira onde el se agachou entre unhas uces co coitelo na man.

     Á media noite viu como o rexelo se estarrecía alporizado e osmou que o lobo se achegaba. Despois sentiu un lixeiro peto, como dalgunha cousa que tombaba, poida que o chouto do lobo para trabar no carneiro; un espernexar do animal... 

     Paseniñamente, caladiñamente, achegouse... ¡Alí estaba o lobo! 

     Chantaba os dentes nas carnes moles do rexelo sen se decatar da súa presencia.

     Como temendo ferir de máis, espetoulle no lombo a punta do coitelo que ceibou axiña no chan. O lobo revirouse arregañando os dentes. O home botoulle os brazos ó pescozo, chamándolle: ¡Fillo, fillo! e pedíndolle perdón, salaiando.

     Daquela o pelexo do lobo comezouse a abrir pola ferida, e coma se for un folecho foise desprendendo do corpo. Unha sacudidela, un envorcallerse entre as uces e toxos, e o rapaz, ¡o seu fillo!, que recobraba o ser, esmaiolado, mais tal como el era antes de maldici-lo.

MAPA

SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901