sábado, 6 de octubre de 2012

OS MUIÑOS EN GALICIA


OS MUIÑOS EN GALICIA




     Os primeiros muíños encontrados en Galicia datan do Neolítico e son muíños de man, chans onde se moían os grans fregando unha pedra contra outra. En época romana utilizáronse os muíños circulares de man que na alta Idade Media aumentaron en tamaño e pasaron a ser movidos por auga.



FOTO: XOAN ARCO DA VELLA


OS MUIÑOS DE RÍO

     O muíño é unha máquina que utiliza a forza da auga do río para moe-lo gran. Para iso move dúas  grandes pedras e no medio o gran; estas grandes pedras son capaces de converte-lo gran en fariña, sexa de centeo, trigo ou millo.

 
      Os muíños de río presentan dous tipos fundamentais: os de rodicio coa roda motriz horizontal, que son os máis antigos e abundantes e os de bruia coa roda motriz vertical, que son máis recentes e se coñecen co nome de aceas. O muíño destinado ó trigo denomínase muíño albeiro.



Un muíño de rodicio horizontal consiste no seguinte:
     A forza da auga que entra polo rego move o rodicio, o chocar coas penlas, que son as que reciben o impulso da auga, que roza co penedo e a pedra. Como o gran de trigo ou centeo ou millo baixa pola muxega remata triturado entre as pedras. A zona do muíño onde vai o rodicio chamase inferno, realmente é por onde sae a auga a gran presión e choca coas penlas do rodicio, facendo xirar deste xeito a moa, que realmente é a que tritura. A peza de atrás é para deixar pasar máis ou menos auga, ou tapar simplemente. O freo levanta máis ou menos a pedra do penedo podendo moer máis fino ou baixándoo de todo impedirlle que xire. O tarabelo salta sobre a pedra e fai vibra-la cornizuela para que vaia deixando cae-lo gran. Os muíños teñen mecanismos para detectar cando se termina o gran, incluso tamén para levanta-la pedra para arranxala, cando se pon lisa.


     O río recóllese nunha presa, logo desvíase por un rego ata un tanque por onde a auga penetra con forza no muíño para move-lo rodicio e normalmente ten un quebradoiro para desviar outra vez a auga o río.



      Os muíños poden ser comunitarios, neste caso cada veciño dispón dunhas horas prefixadas para usalo- e reciben o nome de muíños de herdeiros. Tamén poden ser de propiedade particular e entón reciben o nome de maquías por chamarse así a cantidade de gran que cobran por moer ( a maquía era sobre una libra - 600 grs. por cada once quilos- e onde se alugaban a cambio de fariña).



     Os muíños foron pezas moi importantes na economía e no desenvolvemento da vida nas aldeas, así como do seu folclore, e das súas lendas. Hoxe, cubertos moitos por hedras e silvas, fálannos dun pasado que se vai e da utilización de novos medios técnicos para moe-lo millo , o trigo e ou o centeo.


 
     No muíño xurdiron cancións, refráns, contos e ata unha danza: "a muiñeira". Unha muiñada era unha antiga xuntanza festiva de mozos e mozas en torno os muíños, mentres se esperaba pola vez para moer...





Unha noite no muíño
unha noite non é nada
unha semaniña enteira
esa sí é muiñada.

O muíño do meu pai
eu ben lle sei o tempero:
cando está alto, baixalo
cando está baixo, erguelo.

Fun esta noite o muíño
nin moín nin muiñei;
perdín a trenza do pelo
iso foi o que gañei.


     Ademais dos muíños de río, hai muíños de vento e muíños de mar ou de marea.





MUIÑOS DE VENTO
       En gran parte da costa galega sopran ventos constantes o longo do ano, a unha media de 25 km/h. Esta enerxía foi aproveitada cos muíños de vento, utilizados normalmente en Galicia como substitutos dos muíños de río en épocas de seca.


     Corresponden o tipo de muíño fixo de torre, construcción cilíndrica de pedra e tellado cónico. Mediante abanos ou aspas de madeira, ou con velas, recollían o vento e facían xira-los mecanismos internos para moe-lo gran.



     Moitos destes muíños de vento están derruídos, pero desde hai uns anos estanse recuperando algúns, tal como ocorre cos situados no monte Abalo, en Catoira, fronte á ría de Arousa.


 


MUIÑOS DE MAR
       As zonas costeiras atlánticas teñen mareas vivas, con gran diferencia do nivel de auga entre preamar e baixamar. Son , pois, propicias para aproveita-la enerxía maremotriz con muíños de mar ou de marea.



     Os muíños de mareas en Galicia constan dun edificio no que se colocan os mecanismos para moe-lo gran, e dun gran muro de pedra con comportas de madeira.

     
     Cando sobe a marea ábrense as comportas do muro e a auga inunda a presa ou recinto no que queda retida a auga. Cando a marea baixa, ábrese unha comporta do muíño e a auga descende polo seu propio peso, cara ó mar, e move o rodicio; a partir de aquí funciona igual cos muíños de río.


     Actualmente están restaurados algúns muíños de mar, como o da Seca, en Cambados, o das Mareas en Muros, e o das Acenas na Illa de Arousa.




SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901