martes, 2 de octubre de 2012

REPRESIÓN NA ILLA DE SAN SIMÓN

ILLA DE SAN SIMÓN



San Simón como símbolo da represión

     Durante os primeiros meses da Guerra os edificios de San Simón foron acondicionados para funcionar baixo o eufemismo de colonia penitenciaria, aínda que na realidade era un campo de concentración para os prisioneiros de guerra, esta foi a función que desempeñou a partir de outubro de 1936 e ata o ano 1943, albergando fundamentalmente presos das zonas próximas –Vigo, Pontevedra, Arousa– pero tamén un importante continxente de presos vascos e doutras zonas do Estado.



     Durante esta etapa realizáronse poucas obras no conxunto, so a construcción de pequenas torres de vixilancia e reforzos dos cerramentos e accesos do recinto. A illa de San Simón quedou destinada a albergar os reclusos, así como os servizos administrativos e de intendencia, mentres que o antigo lazareto sucio de San Antonio pasou a albergar o destacamento militar encargado de custodiar o recinto.




     Durante esta etapa a illa de San Simón estivo destinada a albergar os presos, distribuídos en diversos pavillóns que se reformaron a tal efecto e as oficinas de dirección e administración, destinándose a illa de San Antonio a servir de acuartelamento dos soldados encargados de custodiar o penal. Durante a Guerra, as condicións de vida dos presos foron especialmente duras debido á masificación, á aparición dalgúns problemas sanitarios e ao tenso clima provocado pola contenda.




      Tras o peche da colonia penitenciaria as illas volven sufrir un breve período de abandono até que en 1948 se recuperan como lugar de veraneo para os membros da Garda de Franco, co nome de Colonia de Educación e Descanso. O 22 de agosto de 1950 un grupo de membros da Garda que pasaba as súas vacacións na Colonia dirixíase a terra na embarcación Monchita cando, por motivos que se descoñecen, a embarcación envorcou, provocando a morte de corenta e tres dos seus pasaxeiros. Este terrible suceso precipitou a clausura da colonia e un novo abandono das illas que xa só serían reutilizadas para a creación do Fogar Méndez Núñez para a Formación de Orfos de Mariñeiros, proxecto de vida efémera que funcionou entre 1955 e 1963.



     Coa inauguración do cruceiro no illote de das Cobreiras, ao sur do arquipélago, durante un acto de homenaxe aos afogados no naufraxio do Monchita celebrado en 1958 instálase o último dos elementos monumentais destacados de San Simón antes do seu abandono definitivo.






XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901