sábado, 6 de octubre de 2012

XOÁN DE BOUZA - CONTO

XOÁN DE BOUZA

      Algo marchaba mal naquela fría noite de Xaneiro, despois de que Xoán Seixo Bouza ("Xoán de Bouza") saíra como outras moitas noites, desde había algún tempo, á mesma hora, ás doce en punto, impelido por unha estraña forza que ningún membro da súa familia acertaba a comprender. Pasaban cousas raras aquela noite, que facían que os animais estiveran inquietos na corte; a Perla de seu tan alegre ouveaba sen cesar e a gata, que por estas datas saía a cumprir a xaneira, estaba anicada cerca do lume e de vez en cando encrespábaselle o espiñazo. Os sinais eran evidentes e non só por parte dos animais senón por outras causas; como cando se abriu a porta da cociña violentamente, e estaba atrancada, e sen que houbese vento; ou tamén o feito de que morrese a luz do candil sen que ninguén a tocase.



        Estaba escrito que algo malo ía suceder desde que Xoán, un mocetón forte e robusto, empezara a perder a alegría ao mesmo tempo que as carnes. Tiña mala cor e, ás veces, era sorprendido mirando fixamente hacia un lugar indeterminado da fraga. El, de seu tan traballador e voluntarioso, comezou a desinteresarse de todo. Só estaba atento á saída nocturna, que nada impedía. De pouco servían os substanciosos caldos de galiña, o chocolate con manteiga, os amorosos coidados da súa xente, porque o rapaz non dimitía da súa melancólica actitude.



      A nai dixo que quizais lle dera un aire. A avoa suxeriu que quizais tivera mal de amores. 
 
      A familia pensou que a cousa quedaría resolta o día da festa, que precisamente era ao día seguinte, e aquel memo día, as vésperas, moi festexadas; porque Xoán sempre fora alegre e amigo de foliadas. Ademais se andaba namorado dalgunha moza, a cousa podía chegar a bo fin na romaxe. Non lles estrañou ver como o mozo apareceu na cociña, vestido de domingo, recén afeitado, preparado par ir á festa. A pesar do cargado do ambiente, dos sinais daquela noite, viron partir a Xoán camiño do santuario con certo alivio, pois pensaban que o reencontro coa romaría, axudaríalle a resolver o problema. As esperanzas quedaron rotas cando, horas despois, co novo día, un veciño contoulles como vira a Xoán aquela noite, e non camiño do santuario senón vagando entre as árbores da fraga, pálido coma un morto, como ido. 



      Para min que Xoán viu a Compaña e saíalle ao encontro- sentenciou o veciño. 
 
         Ninguén puidera impedir que aquela noite de Xaneiro sen lúa, Xoán Seixo Bouza saíse da súa casa docilmente, sumisamente, ao encontro do seu destino.
      El cumprira de maneira tráxica a súa romaxe. 
     Encontrárono ao mencer tirado boca abaixo, tendido sobre as herbas dunhas brañas e cos dentes mordendo a terra.


SÍGUENOS:
Facebook
Twitter
Pinterest
Google+
Instagram
YouTube
XOAN ARCO DA VELLA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Está permitida la reproducción total o parcial de los trabajos y fotos de este blog.
Te agradecemos nos sugieras de sitios para trabajos nuevos.
Mis correos:
Apd. de Correos: 83 - 36900 - Marin - Pontevedra
xoanarcodavella@gmail.com
Telf - WhatsAp.: 600590901